Monday 29 de April de 2024

A Xunta garante a continuidade do apoio económico ás Casas Niño abertas en 2016 que rematan este ano a experiencia piloto


Trátase de manter a actividade destes recursos de conciliación para nenas e nenos menores de 3 anos que residen en municipios de menos de 5.000 habitantes

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, informou de que a Xunta seguirá apoiando economicamente o funcionamento das Casas Niño abertas coa primeira convocatoria de 2016 e que este ano rematan a experiencia piloto, que tiña unha duración de tres anos. Así o indicou nunha xuntanza informativa coas promotoras destes recursos de atención á primeira infancia e de conciliación na provincia da Coruña.

Con esta medida o Goberno galego garante a continuidade destes recursos dirixidos a familias que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes. Ademais de facer máis doada a vida a estas familias, as Casas Niño contribúen a fixar poboación e a dinamizar a economía local.

A xuntanza tamén permitiu que as promotoras destes equipamentos compartiran experiencias co gallo de avanzar na mellora da atención prestada. Na provincia coruñesa son 10 as propostas de Casas Niño que contan co apoio financeiro para desenvolver a súa actividade con cargo ás convocatorias de axudas de 2016, 2017 e 2018. A Xunta traballa nunha nova orde de axudas para este ano 2019.

As Casas Niño son recursos gratuítos para as familias. Cada unha delas atende de maneira personalizada e nun horario flexible de luns a venres ata un máximo de 5 nenas e nenos de 0 a 3 anos. Na actualidade, hai 61 recursos deste tipo repartidos por toda a xeografía galega e serán 76 cando ao remate desta lexislatura.